Info

Concello de RibadeoA I Media Maratón “Ribadeo-As Catedrais” preséntase co propósito de ofrecer  21.097 metros cheos da mellor historia, natureza e paisaxe ribadense. Unha maneira distinta para que veñas a correr e coñecer a nosa extraordinaria costa¡ Un percorrido costeiro, de perfil moi suave, por pistas de asfalto e terra, apto para correr rápido sen demora contra o cronómetro, que dende as rúas da vila avanzará cara a bocana da Ría de Ribadeo e as inmediacións da Illa Pancha, fiestra ao Cantábrico e de interese na observación ornitolóxica e de cetáceos.

Correndo proseguirase camiño da Enseada de Liñares, treito da rasa costeira con numerosos vestixios arqueolóxicos, berce nun tempo do comercio fenicio e castrexo. Mediada a carreira, a aldea de Rinlo recibirá o paso d@s animos@s deportistas, xoia etnográfica mariñeira da Galiza, cun porto que garda a esencia das expedicións baleeiras durante cincocentos anos, e cun patrimonio singular de cetarias naturais de mariscos dispostas nos seus cantís.

O último treito da carreira levaranos preto dos asentamentos castrexos do Castro de Meirengos e o da praia de Os Castros, para finalmente correr polas proximidades dos cantís de As Catedrais, con caprichosas formacións xeomorfolóxicas declaradas  Monumento Natural. Agasallámoste coa oportunidade única de rematala carreira descendendo a súa praia, coincidindo coa baixamar, e poder así erguelos brazos cruzando a meta entre un dos populares e naturais “Arcos do Triunfo” da praia de Augasantas.

O Concello de Ribadeo convídate a que corras por unha costa que ben vale un Parque Natural: Apetecerache correla andando¡

Máis información na sección de inscricións e en:

facebook_iconmail_iconfacebook Deportes Ribadeo

 

Advertisements